Friday 03 de May de 2024

Aprobada a “Modificación puntual do Título III do PXOM. Regulación de usos”, a máis ambiciosa e importante desde 2008, segundo Sánchez BugalloInicio


Begoña Rodríguez, inmediatamente despois de tomar posesión como concelleira.

No pleno tamén tomou posesión a nova concelleira da Corporación Municipal, Begoña Rodríguez.
A modificación do Plan Xeral, que contou cos votos a favor do Grupo Socialista e Compostela Aberta, e os votos en contra do Grupo Popular, permitira regular as VUT (Vivendas de Uso Turístico).

O alcalde, Sánchez Bugallo, colocándolle a medalla de concelleira

Begoña Rodríguez xa é a nova concelleira do Concello de Santiago. Hoxe tomou posesión no pleno extraordinario presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que comezaba cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista.

Begoña Rodríguez prometendo o cargo de concelleira

Begoña Rodríguez prometou “cumprir fielmente as obrigas do cargo de concelleira, con lealdade á súa maxestade El-Rei e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado”. A continuación, o alcalde colocoulle a medalla de concelleira da Corporación Municipal.

María Begoña Rodriguez Rodriguez naceu en Ourense en 1963. É licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria do corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia desde 1994, onde exerceu funcións en distintas consellerías: Medio Rural, Medio Ambiente e Presidencia (Protección Civil). Ata este momento prestaba servizo como xefa de sección da Calidade dos Solos da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda.

Modificación Título III do PXOM

A continuación aprobouse, cos votos a favor do Grupo Socialista e de Compostela Aberta, a “Modificación puntural do Título III do PXOM. Regulación de usos”, que regula, entre outros usos e actividades económicas, as Vivendas de Uso Turístico (VUTs). O Partido Popular votou en contra e BGN e o concelleiro non adscrito abstivéronse.

O alcalde pechou a quenda de intervencións sinalando que esta é a “decisión máis transcendente que toma esta Corporación”, porque afecta directamente ao actual modelo de cidade residencial. “Se hoxe non se aproba, o escenario a partir do cal entraríamos no mes de marzo será moi dificil”, xa que favorecería un modelo de cidade masificada e turistificada, e a expulsión da veciñanza do centro urbano. “Votamos a favor de evitar ese escenario”, subliñou Sánchez Bugallo. “Os que votan en contra favorecen ese escenario”. Na súa intervención o rexedor recordou que “a regulación de vivendas baleiras” é unha das asignaturs pendentes do goberno autónimo do PP, que está “no Parlamento de Galicia desde hai máis de 15 anos”. “Cada un asume a súa responsabilidade e a do goberno é gobernar”.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, foi moi crítica co papel do goberno autonómico do PP nesta cuestión, “esa nefasta xestión de Turismo de Galicia, que enganou a moitos propietarios sen explicarlles adecuadamente o que o seu propio decreto pedía para poder desenvolver unha VUT (Vivenda de Uso Turístico). E seguen sen rectificar, a pesares das numerosas sentenzas que van en contra das teses sostidas pola Xunta. E tal a irresponsabilidade que só se pode entender desde a soberbia.

A concelleira explicou que esta modificación persegue un obxectivo claro “potenciar a función residencial na cidade de Santiago de Compostela, promovendo a vez un axeitado equilibrio de outros usos complementarios”. “Creo que todos os presentes recoñecemos a problemática que orixinou tomar a decisión de acadar esta reforma. A imparable proliferación de vivendas de uso turístico na cidade estaba a crear unha fonda preocupación no conxunto da cidadanía, que reclamou que a Administración Local tomase as medidas necesarias para o control da situación. E este goberno, perseguindo en todo o momento o interese xeral, decidiu acometer dita reforma, porque cría e segue a crer que a alternativa a non facelo sería o peor escenario para Compostela”.

Mercedes Rosón sinalou que desde decembro do 2019, “este Concello comezou un arduo e complexo proceso de: traballo, escoita e reflexión sobre como se pode conxugar nunha nova normativa os intereses lexítimos de todas as partes. Daqueles que queren utilizar unha vivenda súa para uso turístico e daqueles que entenden que nunha cidade o primeiro que se debe garantir e que poda ser habitada, e dicir, o que intentamos e acadar a convivencia de ambas partes”. “Creo”, continuo, “que hoxe chegamos a mellor das solucións posibles, aquela que pode que non contente a todo o mundo, pero que lle da acubillo aos lexítimos intereses dunha gran maioría de todas as partes”.

O pleno comezou cun minuto de silencio.

A responsable de Urbanismo reiterou o xa explicado en plenos anteriores, que nesta modificación “introdúcese unha maior variedade de tipos de usos e actividades, tamén actualiza e incorpora as definicións e a regulación dos novos usos e actividades que foron xurdindo, ou as novas variantes e situacións de usos xa existentes. Para fortalecer o uso residencial delimítase un ámbito especifico denominado Zona Sensible, este ámbito representa a parte da cidade na que se considera prioritario que o uso residencial manteña a súa condición de uso maioritario, polo que se limita a implantación dos usos alternativos establecéndose unha proporción mínima dos mesmos”.

Ademais, continuou Mercedes Rosón, “dende o principio desta modificación se prevía expresamente a posibilidade de desenvolver mediante a aprobación de distintas ordenanzas coa finalidade de regular en detalle aspectos coma: a autorización de usos xustificados de carácter temporal, a implantación de novos establecementos comerciais cando se aprecie risco de destrución do tecido comercial tradicional e de proximidade, a regulación das condicións urbanísticas de instalacións de puntos de subministración de carburantes nas parcelas e establecementos de uso comercial, ou a xa tan comentada regulación dos usos e actividades preexistentes. Aspectos que terán que ser regulados nun proceso de elaboración de ordenanzas (consulta publica, aprobación provisional, exposición pública y aprobación definitiva en Pleno) que se levará a cabo traballando e escoitando a todas as partes implicadas. Como fixemos sempre”.

Este proceso, engadiu, foi un proceso longo, con dúas exposicións públicas e dúas tramitacións neste pleno, onde se responderon a todas as cuestións plantexadas pola veciñanza, por asociacións e por algúns grupos políticos, cos que tivemos tamén a ocasión de debater en dúas ocasións neste mesmo salón. A concelleira defendeu o proceso de diálogo ao longo destes tres últimos anos, con situacións, sinalou, que “entende perfectamente. Pero este entendemento non podo facer que coma responsable pública non cumpra o meu deber para tomar as decisións que correspondan. Non se goberna a favor duns nin a favor doutros, se goberna para todos. Nin eu, nin este goberno estivo ou está en contra das VUTs , pero tamén quero deixar claro que nin está nin estivo respondendo a outros intereses que non sexa os do conxunto da veciñanza de Santiago”.

Destacou, a continuacion que “a proposta que se somete aquí hoxe e a que entendemos que permite esa convivencia, e a que representa o xeral e non o particular”. A continuación, agradeceu “o traballo feito por todo o equipo de Urbanismo ao longo de todo este tempo, que coma nós, queren que esta cidade poida ter un futuro digno e mellor. Tamén agradecer a todas as asociacións, colectivos e veciños que participaron, porque tamén contribuíron a que este texto fose mellor. E aos Grupos municipais que se interesaron e traballaron con este goberno en buscar unha solución, independentemente da súa cor e da súa estratexia”.

A continuación, o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Sindo Guinarte, agradeceu o apoio de Compostela Aberta. Un voto a favor “de responsabilidade e compromiso coa cidade”. Lembrou, a continuación que “a normativa que se aproba aquí hoxe, permitirá con moitísima facilidade incorporar no futuro novas cuestión que poidan xurdir. É unha normativa firme, flexíbel e que se adaptará as novas respostas que teremos que dar”.

Sindo Guinarte foi claro. “Houbo diálogo, pero en determinadas posicións non houbo consenso. Porque non todas as posicións poden estar no mesmo nivel de importancia e interés. E máis importante chegar a consenso con quen ten intereses xerais, que chegar a un cosenso con quen ten intereses concretos na normativa que se debate”. Ao concelleiro non adscrito pediulle coherencia: “quería recordarlle que votou a favor da posta en marcha desta normativa na Xunta de Goberno Local”.

Outros puntos

A continuación, aprobouse, por unanimidade, a concesión da Medalla de permanencia da Policía Local de Santiago de Compostela aos policías locais que levan trinta anos de servizo no corpo e acreditan unha traxectoria profesional excepcional. Son un total de 55 axentes, 3 deles mulleres.

O último punto da orde do día foi a comparecencia do alcalde quen respondeu a todas e cada unha das preguntas formuladas pola oposición. Recordóulle á oposición que teñen todos os informes e documentacion sobre o aluguer da nave de Medio Rural; e incidiu en que se respectou a legalidade: “o expediente está aquí. Na contratación non hai ningún informe desfavorable. “Desde o punto de vista da legalidade está correcto, e é así. E non hai ningún informe no expediente que diga unha cousa diferente”, indicou.

E reiterou, de novo, que “o Sr. Pichel tomou a decisión que tiña que tomar, presentou a súa dimisión. El mesmo clarificou cal era a súa situación e a súa decisión. El mesmo clarificou na rolda de prensa que ningún membro do goberno coñecía a súa posición nin a súa relación con esa empresa e iso é así. É a verdade”, sinalou Bugallo, en referencia a que o ex-concelleiro non “tomou a decisión de informar o resto do goberno municipal, non transparentou a súa situación para que o goberno puidera tomar as decisións acaídas con coñecemento de causa”. Destacou tamén que o actual exectivo municipal non ten contacto nin información relativa a actual situación do ex concelleiro e das súas empresas. “En todo caso, formará parte do ámbito particular. Pero o Grupo Municipal Socialista non ten nin coñecemento nin ningún tipo de relación con iso”.